Friday 03 de May de 2024

Contacontos, mostras, visitas guiadas e agasallos enchen a axenda do Mes do Libro na Biblioteca da Xunta na Coruña “Miguel González Garcés”


A maiores das actividades enmarcadas no Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e do Día Internacional do Libro, en abril instalaranse mostras arredor de pintores galegos, do centenario da película ‘Nosferatu’ e do humor

A Biblioteca Pública da Xunta na Coruña ‘Miguel González Garcés’ ofrece unha axenda especial en abril co gallo das celebracións do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, o día 2, e do Día Internacional do Libro, o 23. Ademais de contacontos e mostras, haberá visitas guiadas extraordinarias para escolares e agasallos para as persoas usuarias. A información sobre os contidos e a asistencia ás actividades pode consultarse na web do centro.
As sesións infantís do mes comezan o sábado 2 no marco da celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil con O arquivo do chibo, a cargo de Os contos de Pablísimo e destinado á rapazada de catro a 12 anos. Co gallo desta efeméride tamén se organizaron visitas escolares extraordinarias con contacontos para o martes da vindeira semana.
Por outra banda, no Día Internacional do Libro, 23 de abril, haberá unha xornada especial no centro bibliotecario, co contacontos Había unha vez un bosque encantado, da man de Charo Jaular. Diríxese a todos os públicos con entrada libre ata completar a cabida. A mostra bibliográfica A volta ao mundo en 80 películas e libros é outra das iniciativas organizadas arredor desta data. Estará exposta do 10 ao 25 de abril. Ademais, as persoas que leven algunha publicación en préstamo en calquera dos días conmemorativos arredor dos libros recibirán un agasallo.
Programación infantil e para adultos
A maiores, a programación infantil inclúe as habituais sesións dos sábados ás 12,00 horas. Na xornada do 9 haberá un novo espectáculo familiar en lingua de signos en colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia e o contacontos para bebés de ata tres anos Na granxa de Perico, con Ana Facchini. Por último, o sábado 30, Trinke Trinke ofrece Avós, dirixido á cativada de tres a oito anos.

Canto ao público adulto, ao longo de abril haberá novas sesións do obradoiro de escrita creativa impartido os venres por María Jesús Molina Raspal e de formación sobre os recursos e servizos da biblioteca, os mércores 6 e 20. Tamén continúan as visitas guiadas os martes e xoves.
Asemade, ao longo do mes instalaranse diversas mostras. A primeira delas enmárcase na conmemoración do Día das Artes Galegas, o 1 de abril. Trátase de Os renovadores dentro da vangarda artística galega, con volumes sobre os pintores Laxeiro, Luís Seoane e Colmeiro, e pódese visitar desde este venres. O sábado 2 habilitarase na sala infantil En abril, libros para rir, cunha selección de volumes de humor, e, na sala de audiovisuais, 100 anos de Nosferatu: un século de Drácula no cine. Todas elas permanecerán ata finais de mes.
Cómpre lembrar tamén que continúa ata decembro a exposición María Casares, residente privilexiada, integrada na programación da Xunta para conmemorar o centenario da actriz. A través de 200 fondos propios do espazo bibliotecario, como publicacións, fotografías ou filmes, a iniciativa achégalle á cidadanía esta figura universal cun percorrido pola súa vida e contorna familiar.